Monday 06 de May de 2024

O Concello de Lousame convoca para este xoves na Casa da Cultura unha xornada informativa sobre o recibo da luz e o IBI


Ampliado ata o xoves 18 de maio o servizo de persoal especializado para aclarar dúbidas sobre a regularización catastral

O Concello de Lousame convoca para este xoves 18 de maio unha xornada informativa dobre sobre dous temas de actualidade: o recibo da luz e o Imposto de Bens Inmobles (IBI). Dúas charlas que terán lugar a partir das 20.30 horas no auditorio da Casa da Cultura, onde a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e técnicos especializados informarán sobre ambos temas e resolverán as dúbidas dos veciños e veciñas.

A primeira parte da charla xirará en torno ao recibo da luz, onde os técnicos explicarán cuestións tales como: como interpretar correctamente a factura, como valorar o tipo de contrato que máis lle convén a cadaquén, como solicitar o bono social ou como presentar reclamacións. A segunda parte da xornada xirará en torno ao Imposto de Bens Inmobles, no que se falará dunha proposta de rebaixa da porcentaxe a aplicar polo Concello de Lousame para así compensar a suba do proceso de regularización catastral que a Dirección Xeral do Catastro está levando a cabo no municipio.

Ampliación da atención

Por outra banda, e ante a gran demanda rexistrada, o Concello de Lousame decidiu ampliar en dous días (16 e 18 de maio) o servizo de información sobre o proceso de regularización catastral que dende o pasado 2 de maio ofrecen técnicos especializados aos veciños e veciñas que o soliciten. Se nos primeiros días atendían a una media de 30 ou 35 persoas por xornada, finalmente tiveron que ampliar as consultas ata un ritmo de 45-50 por día.

Nestes momentos xa fixeron uso deste servizo gratuíto máis de 350 veciños e veciñas e xa están ocupadas todas as horas do martes 16 (48 persoas) e da mañá do xoves 18 (24 persoas). Aínda quedan dispoñibles prazas para a tarde do xoves, xusto antes da charla informativa. Máis información e citas previas no Concello e Lousame (981 820 494).